CONTEXTO HISTÓRICO


«O Olimpo Celta»

— Ramón Otero Pedraio

O Monte Pindo é unha masa granítica tremendamente singular, que se ergue, pegada ao litoral, entre os Concellos de Carnota, Dumbría e Mazaricos. As súas rochas cambian de cor en función da posición do sol, pasando dos marróns matutinos aos caobas da tardiña, cando o solpor ponse de fronte, por detrás do Promontorio Nerium fisterrán.

Foi Otero Pedraio o que chamou “Olimpo Celta” ao Pedregal (como o coñecen pola banda de Mazaricos) dando conta da maxia que albergan as súas laxes, e das lendas que se contan ao seu arredor, en clara sintonía coa mítica coordillera homónima do norte de Grecia.

O xeólogo Vidal Romaní considera que monte se creou hai entre 65 e 24 millóns de anos. O vento foi moldeando esas laxes que albergan habitantes, cando menos, dende a Idade de Bronce, como o corroboran fragmentos de cerámica atopamos no monte que datan de hai 2.000 anos. Tanto na época castrexa, como na Idade Media, o Monte Pindo foi un lugar ideal para asentamentos sendo protagonista da historia do noso país, como o refrendan historias míticas como a da Raíña Lupa, ou restos históricos como as murallas que se manteñen erguidas pola cara leste do monte.

Tamén foi o Monte Pindo protagonista no século XX, cando a partir da guerra civil e da vitoria franquista, centos de veciños (as pesquisas van dende os 130 ata os 2.000) de toda a comarca, e mesmo doutras zonas da provincia como Betanzos ou Rianxo, se refuxiaron nas covas da mole granítica. Marcharon das súas casas cara as covas do Pindo, uns por medo á guerra, outros por compromiso político, pero todos por escapar de algo no que non crían.

Así, dende o ano 1936, cando se celebrou o golpe de estado, ata o 1948, cando a loita armada da guerrilla depuxo as armas, centos de fuxidos viviron no Monte unha época convulsa, de supervivencia, de fame, de frío, de medo. Un tempo de persecucións, de absoluta incerteza, de loita.

E como di Luís Lamela, “a historia da guerrilla antifranquista é tamén unha historia infestada de antígonas que se atreveron a enfrontarse ao poder”. Por iso este traballo tamén recolle o testemuño de mulleres que viviron a través das súas familias directas, aqueles tempos de simulacros de paseo, malleiras, vexacións públicas… Historias daquelas mulleres que non sucumbiron ao látigo.


BIBLIOGRAFÍA