ORGANIZACIÓN
Organización
Ao longo das entrevistas realizadas nesta recuperación da memoria histórica puidemos comprobar como as familias, nomeadamente as mulleres, foron fundamentais na guerrilla antifranquista. Foron elas as que sostiveron os fogares realizando os coidados e traballando para gañar o pan; foron elas sufriron as vexacións das forzas do poder; as tiveron que recibir malleiras a cambio do seu silencio, as que viviron coa incerteza de que tal vez esta fose a última vez que ían ver ás súas parellas; as que tiveron que desafiar as leis para levarlle roupa e comida, ou procurarlle agocho aos agochados.
Contan as xentes da vila do Pindo que o mastro da conserveira sostiña unha saba cando a baixada estaba prohibida.
Para a historia quedou o berro “Omesomonte” (homes ao monte”), que lanzaba como aviso un rapaz que facía de vixía cando vía aparecer ás forzas da orde polo sur dende a pedra do Cucurujú. “Omesomonte que veñen os siviles” berraba o neno e todos os fuxidos escapaban monte arriba.
Interesante é saber tamén como se enteiraban, ademais de nas súas visitas aos fogares, de acontecementos singulares, como os falecementos. As familias deixaban nos carreiros, colocados en sitios específicos, notas de papel que pola noite os fuxidos volvían buscar.
A VIDA NAS COVAS
Segundo os relatos, existían dous tipos de covas: as covas de durmir, e as covas de reunión. As primeiras eran máis agochadas e as segundas adoitaban ser máis amplas, pois era onde se reunían para avaliar a situación e formular accións contra o réxime.
A fame (chegaron a comer raíces), ademais do frío (durmían uns a cabalo doutros para darse calor), era outro dos grandes desafíos que tiñan que afrontar os fuxidos nas húmidas covas as que residiron durante meses e mesmo anos. Hai covas que reflicten como os agochados traballaron esas covas para mellorar a calidade da estancia. Canteiros subían a esculpir a pedra para facer máis cómodos os espazos, creando banquiños, facendo espazos para facer lume, pechando correntes de aire, e mesmo creando alxibes de auga; ferreiros preparaban canles para que a auga da chuvia non invadise o interior da cova ou que se puidese acumular.
Ademais de agardar á noite, ou aos días de borraxeira para facer á comida ao lume, descubriuse nalgunha cova mecanismos para afumear menos.
Porque a comida escaseaba, e aí as aquí tamén as mulleres foron alicerces fundamentais para a supervivenza dos escapados. Se ben nalgunha ocasión cazaban algunha cabra, ou algún outro animal salvaxe, eran as mulleres as que lle levaban comida continuamente ao monte.
Aproveitaban que subían aos campos, para levar potas no medio dos cestos ben tapadiños con esterco ou argazo para as hortas. Tamén aproveitaban cando subían ás vacas a pacer e levaban a comida entre a balumada, eses montos de palla seca que servían para facer a cama das vacas nas cortes, e que en moitas ocasións tamén serviu para facer un pouco máis mullida as camas das covas.
Contan de primeira man tamén as mulleres do Pindo, como cando había matanza, as familias facía o “ghisado”, “un para os de casa, e outro para os do monte”, que lles levaban nunhas caldeiretiñas encarnadas.