Covas


A cova da Xoana, onde durmían os fuxidos para combater o frío invernal, así como a furna da Moa, a cova da Rampante, a cova dos Morcegos ou outras de menor capacidade, esburacadas coas súas propias mans e con ferramentas facilitadas polos veciños e familiares.

No cumio do monte as noites arrefriaban abondo como para durmir ó raso.

Non existían furnas ou refuxios con capacidade suficiente para acoller a todos os que fixeron do monte a súa residencia habitual, de tal xeito que durmían no chan, ou sentados sobre algunha pedra, sempre vestidos, dispoñendo dalgunhas mantas que de ningún xeito eran suficientes para todos.

Outros, moi poucos, durmían en colchóns feitos con casulas de millo, e no inverno, cando chovía, ó non existir lugares a cuberto para todos os que alí habitaban, sufrían permanentes molladuras, tendo que secar a roupa coa calor dos seus propios corpos.

Outros procuraban as cavidades das rochas, por moi cativas que fosen, permanecendo polas noites como sepultados, tremendo co frío e co medo. E as nortadas, tan frecuentes e fortes neste lugar, facían inhabitable o cumio onde se atopaban, mais non tiñan outro lugar onde refuxiarse.

Pasados os primeiros meses, os fuxidos solicitaron dos seus familiares o envío de canteiros de confianza co obxecto de lles ampliaren ou habilitaren as covas naturais e disimular no posible as entradas.