Látigo


O monte fixo da vida de cada un daqueles mozos unha auténtica aventura e un tempo de insomnio permanente. As dúas terceiras partes dos individuos foron prendidos pola garda Civil, polo exército ou polos falanxistas ocupados en rastrexar a zona.

Para iso coaccionaban, e en moitas ocasións torturaban ós familiares que axudaban ós escapados a sobrevivir naquela inmensa penedía, convertida nun inferno polas condicións climatolóxicas adversas durante a invernada, polas penalidades que causaba a fame, polo medo e polo acoso continuo.

Ós familiares que se negaron leváronos, pasados os días, aos locais da Confraría de Pescadores da localidade, situado o carón do porto do Sinal, onde se practicarían torturas físicas e tamén psicolóxicas, agresións e malleiras.

Para que desvelasen o paradoiro dos seus fillos, irmáns ou parentes obrigábanlles a inxerir racións de aceite de ricino. Ás mulleres, nais e irmás, rasurábanlles o pelo.

Un veciño da aldea morreu a consecuencia das malleiras e das torturas días despois de ser ceibado. Ricardo Bermúdez Beiro, mariñeiro e veciño do Pindo. Tiña 65 anos no 1937. Finou na súa casa e foi soterrado no cemiterio do lugar o 19 de xuño de 1937. Deixou viúva a Ramona Quintela e cinco fillos e dous netos.

Este método represivo para obter información do paradoiro dos fillos ou familiares fracasou en grande medida.