PROTAGONISTAS


Protagonistas


Os verdadeiros protagonistas da historia dos fuxidos do Monte Pindo foron xentes como Manuel Rodríguez Louro “O Marrolas” e o Antonio Castro Rodríguez “O Catelo” (dous dos escapados no As de Sel), Manuel Caamaño Bermúdez (o único rexistrado como asasinado polas forzas franquistas no Monte costeiro), ou todas esas mulleres que quedaron nas súas casas a recibir malleiras polo seu silencio.

Pero nesta serie de pezas documentais queremos poñer en valor e agradecer os testemuños das e dos informantes que nos abriron as fiestras da memoria democrática vinculada co Olimpo Celta.


JOSÉ RODRÍGUEZ RAMOS, “Pepe do Fieiro”

(Fieiro, Mazaricos)

Este home de 90 anos é historia viva do Olimpo Celta. Xa percorría coas súas cabras o monte antes de que a “Forestal”, no ano 56, obrigase a retirar toda a gandeiría de pastoreo. A pesar da súa idade chouta nas pedras granítícas coma se fose un rapaz, e é o mellor guía, con moita diferencia, do Olimpo Celta, combinando un coñecemento máximo sobre a súa toponimia, a súa historia e as lendas e contos máxicos que se contan ao seu arredor.


MODESTO GARCÍA QUINTÁNS

(Buxantes, Dumbría)

Topógrafo, historiador e escritor, é un apaixoado do Monte Pindo, ou Monte do Pindo, como el afirma que se debería nomear. No seu libro “O Monte do Pindo ao descuberto” [Ed. Toxosoutos, 2023] recolle preto de un milleiro de topónimos do monte, e ten publicado na prensa local (en La Voz de Galicia e Quepasanacosta) innumerables artigos sobre “o patrimonio pindexo”.
Xunto con outros veciños como Pepe do Fieiro ou José de Cambeiro, ten gabeado as laxes do monte, descuberto unha marea de muíños e tense adentrado e case que unha ducia de covas nas que os escapados sobreviviron os peores tempos da represión.


LUÍS LAMELA

(Corcubión, A Coruña)

Historiador e escritor de varios libros relacionados cos fuxidos da represión franquista como “Escapados” [Ed. Xerais, 2009] ou “A Loita dos perdedores” [Ed. Laiovento, 2023]. A súa bibliografía é a crónica máis completa da historia da guerrilla antifranquista.


MERCHE DÍAZ MAYÁN

(Pindo, Carnota)

A Secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo é unha muller comprometida, dinámica, integradora, loitadora. É activista na Asociación de Mulleres Sonlilá, e forma parte da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Ten unha teima: recoller a sabedoría popular que pode esmorecer se ninguén se para a escoitar ás ducias de mulleres polivalentes que viven na comarca. Xa o fixo co proxecto de audioguías “Contos do Mar”, e agora colabora neste “Espazo da Memoria”.


“OLGA DE TINTO”, “MARÍA DA PALOMA”, “CONSUELO DO ROQUIÑO”, “MARUJA DE SELIA” e “LOLA DE ALBERTE“

(O Pindo, Carnota)

Cinco mulleres de Carnota que medraron durante o franquismo, escoitando historias das súas familias sobre os escapados. Cinco mulleres que, ademais de amas de casa, tiveron varias profesións e estiveron toda unha vida traballando. Escoitalas é escoitar a voz da experiencia feminina, e escoitar os “Contos do Mar”.


MANUELA DA PALMIRA

(Quilmas, Carnota)

Natural de Carnota, casou en Quilmas e convertiuse Manuela da Palmira, collendo o nome da súa sogra. Pasou moitos anos escoitando historias da vida no Bar da Palmira, a mítica taberna de Quilmas que aínda a día de hoxe, co se cuñado Augusto á fronte, parece inmersa nunha viaxe no tempo. Manuela foi a nora de Antonio Castro Rodríguez, O “Catelo”, un líderes da histórica fuga do As de Sel.

A día de hoxe é unha muller moi activa, que colabora, e mesmo canta, na Asociación Chan das Lamas.


MANUEL CAMBEIRO, “Noveira de Xinzo”

(Xinzo, Mazaricos)

Xunto con Pepe do Fieiro e o seu curmán José de Cambeiro adoitaba subir cara o “Pedregal”, como se lle coñece ao Monte Pindo pola banda de Mazaricos, xa dende pequenos. Foi un dos grandes coñecedores das historias dos nosos escapados, e tivemos a sorte de recoller o seu testemuño apenas uns meses do seu falecemento. O seu pasamento é un claro exemplo da importancia de proxectos de recuperación da memoria histótica coma estes, pois moitos dos nosos maiores xa non estarán dentro duns anos. Este proxecto é tamén unha homenaxe a “Noveira de Xinzo”.


CÉSAR CAMBEIRO

(Caldebarcos, Carnota)

Actor de televisión, teatro e cine, e contador de historias como poucos. Gusta de falar cos “vellos” e ir anotando na súa libreta cada detalle singular sobre o patrimonio inmaterial da contorna.


XOÁN CARLOS RODRÍGUEZ

(Ézaro, Dumbría)

Sobriño do Manuel Rodríguez Louro “O Marrolas” e Joaquín Rodríguez Louro, dous dos escapados no “As de Sel”, Xoán Carlos foi descubrindo ao longo da súa vida, e a forza de ir preguntando e preguntando, a potencia da cinéfila historia dos seus tíos. Ninguén llo contou cando era cativo e pouco a pouco foi debullando o percorrido dos seus tíos, das covas do monte ata a morte, pasando por Bristol, polo campo de concentración de Mauthausen, e mesmo por Chile.

Nesta serie de pezas documentais, Xoán Carlos completa a historia do As de Sel, cunha historia singular, a do “Falso Marrolas”, que define moi ben a indiosincrasia dunha poboación do rural costeiro galego na segunda metade do século XX.


XIL CAAMAÑO

(O Pindo, Carnota)

Presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural leva toda a vida namorado da maxia do Olimpo Celta, e máis dunha década dedicada a loita pola conservación do patrimonio histórico e natural do Olimpo celta. Unha das persoas que máis ten escoitado aos maiores da comarca, aprendendo datos sobre toponimia, historias míticas…