Mulleres


Tirando pola vida e botando cativos ó lombo. Nas mulleres a represión foi maior, vexadas e humilladas, fundamentais na supervivencia dos fuxidos ó monte.

Como Atlas soportan o mundo, e máis neste tempo de silencio e represión. Cargaron na súa cabeza os cestos con argazo e esterco e no medio a esperanza en forma de pan ou touciño para seguir resistindo. Picaron nas minas como calquera home e subiron os madeiros para a propia mina de volframio no Monte Pindo. Sufriron as ausencias de monte e cárcere, outras xa naceron co loito na pel.

Traballos abondos, rindo e chorando. Tirando coa vida.