O Proxecto

ESPAZOS DA MEMORIA: MONTE PINDO

Este proxecto quere descubrir e revivir, cunha ollada crítica, aqueles lugares e espazos da provincia da Coruña que falan da violencia desenvolvida polos sublevados no golpe militar de 1936; espazos que aínda gardan os ecos dos que sufriron, que testemuñan feitos relevantes da memoria colectiva e invitan a deterse e reflexionar sobre o que alí aconteceu.

Todo isto mesturado co mito e o sentido común do lugar que tornou de máxico e protector a un lugar tráxico, creando un percorrido de historias contadas ou ficcionadas polo Monte Pindo, utilizando podcast ou microrrelatos desas vidas, tanto das persoas que se agocharon no Monte Pindo como daqueles que sobreviviron ao período.

Un vieiro polo Monte Pindo con ficcións sonoras, realizadas por dramaturgos e gravadas con elenco profesional, denominado Ruta da Memoria.

O proxecto desenvolverase no Monte Pindo, que integra os concellos de:

Carnota

Dumbría

Mazaricos

 

Espazos da memoria: O Monte Pindo desenvolverá as súas actividades de documentación e recollida sobre os agochados no monte nos concellos que o integran, e a Ruta da Memoria para os centros de ensinanza de educación secundaria vencellados ao Monte Pindo.

Este proxecto conta co apoio de asociacións sen ánimo de lucro que traballan directamente no eido ao que vai dirixida a iniciativa:

AFIPRODEL (Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia)

Confraría de pescadores do Pindo

Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM)

Asociación Monte Pindo Parque Natural

Accións a desenvolver:

  Faladoiro ou recollida de material coas persoas maiores e/ou familiares dos que alí estiveron , das entidades ou concellos participantes a través da visión dun xornalista. Gravadas en soporte audiovisual.

  Entrevistas con historiadores e profesionais con libros editados sobre a temática (ex.- Luis Lamela) gravadas en soporte audiovisual.

♦  Reconstrucción dos camiños e paisaxes revividos a partires de declaracións directas dos/as participantes servindo para unha lexitimación desas vidas de loita e facendo que a memoria destas loitadoras non queden no esquecemento.

  Captura audiovisual de todo o proceso de recollida.

♦  Creación de ficcións sonoras a partires da recollida.

 

Ferramentas de divulgación do proxecto:

1. Portal Web: Co material crearase un fondo documental, gráfico, audiovisual e sonoro que sexa útil para a información, a consulta e a investigación sobre a materia a disposición.

2. Podcast (ficción sonora documental): a partires do proceso de recollida documental de declaracións e materiais como cartas ou diarios.

3. Percorrido polo Monte Pindo con ficcións sonoras, realizadas por dramaturgos e gravadas con intérpretes profesionais. Para que os relatos teñan un acceso e disposición pública dende o propio lugar do Monte Pindo empregarase a tecnoloxía da Realidade Aumentada (AR), onde o usuario/a pode, a través do seu Smartphone ou Tablet, interactuar con seu entorno. De forma que o usuario/a, non só asiste ou está nunha localización, senón que se integra nela.

4. Vieiro para achegar a mocidade, realizado cos centros educativos dos concellos polos espazos da memoria do monte Pindo.

5. Documental/reportaxe sobre o traballo feito incluíndo entrevistas, roteiros, localizacións senlleiras…

Mapa do Monte Pindo

Vídeos

Vídeos filmados durante o proxecto