Omesomonte


A partir de xullo de 1936, coa inesperada e arriscada aventura da fuxida de máis dun cento de mozos da contorna, o Monte Pindo configurouse como o inicio de decisivos cambios na vida das persoas.

Coa complicidade de familiares e veciños, recorreron o monte co obxectivo de agocharse e protexerse para evitar o alistamento no exército rebelde. A opinión común era que aquel alzamento militar tiña os días contados, como a tentativa de golpe de estado do Xeneral Sanjurjo no ano 1932.

O tempo pasou e a permisividade inicial das autoridades mudou en máis control e vixilancia dos carreiros e camiños de acceso ó monte e dos familiares dos prófugos.

Cortados os camiños de acceso, había que atopar códigos de comunicación para avisar a presenza dos militares: a colocación das contras das fiestras das casetas dos pescadores, o xeito de tender as velas das embarcacións no campo, as sabas a clareo sobre a herba… eran fórmulas de avisar do perigo.